Tuesday 30 de April de 2024

O Concello de Brión daralle a benvida ao 2024 coa 28 edición do seu Festival de Títeres


Os monicreques regresan a Brión co aninovo. Un ano máis, e xa van 28 seguidos, o Concello de Brión organiza o seu tradicional Festival de Títeres, que terá lugar do 2 ao 4 de xaneiro. As tres actuacións están pensadas para un público familiar e terán lugar no auditorio do centro social polivalente, ás 17:30 horas e con entrada de balde ata completar aforo.

O cartel do XXVIII Festival de Títeres de Brión está composto por dúas compañías galegas, Títeres Cachirulo e Luís Vallecillo, e unha portuguesa, Marionetas Rui Sousa. O programa abrirase o martes 2 de xaneiro con “Xela contra o dragón”, de Títeres Cachirulo, que conta a historia de Xela, unha nena de dez anos que ten que liberar aos seus compañeiros de escola secuestrados por un dragón e que busca que esquezan a lingua galega e se convertan nos seus seguidores.

O mércores 3 de xaneiro, Marionetas Rui Sousa porá en escena “Marionetas de circo”, uns monicreques artesanais que irán executando os máis diversos roles circenses: trapecista, fakir, contorsionista, acróbata, malabarista… Finalmente, Luís Vallecillo porá o broche de ouro ao festival co seu espectáculo “Selkie, a lenda do mar do norte” o xoves 4 de xaneiro. Unha actuación que mestura monicreques e música para contar a historia de como unha nai e un fillo coñeceron o amor incondicional.